Tanto a embarcación Alevín Feminina como a Masculina proclamáronse campioas galegas de bateis esta fin de semana en Bueu. Pola súa banda, a embarcación Infantil Feminina rematou en terceira posición.
A vila de Bueu foi este ano a encargada de proclamar os novos equipos campións galegos. Este celebrouse 6 meses despois do campionato pasado debido ao adiamento o ano pasado por mor da pandemia.
A xornada iniciouse coa vitoria da nosa embarcación alevín feminina, sendo esta a primeira vez que o noso club se fai coa bandeira desta categoría. As nosas rapazas impuxéronse cuns contundentes 7 segundos ás segundas clasificadas do Vila de Cangas. A seguinte bandeira viría ao inicio das categorías masculinas. O noso equipo Alevín Masculino foi quen de rematar en primeira posición, nunha final moi apertada. Estes subiron ao máis alto do podio por algo máis dun segundo respecto a Meira, segunda clasificada.
No que respecta ao resto dos nosos representantes, o noso equipo Infantil Feminino levou o bronce na súa categoría. O noso equipo Absoluto Feminino fíxose coa cuarta praza e os equipos Xuvenís Feminino e Masculino remataron en quinta posición.
As nosas embarcacións Cadete Masculina, así como a nosa filial Absoluta Feminina, Náutico de Boiro, non lograron clasificarse para as finais.
Campionato de España
A pesar de que as nosas embarcacións Alevín se proclamaran campioas galegas, ata o de agora esta categoría non conta con competición estatal, polo cal a embarcación Infantil Feminina, acompañada da Absoluta Feminina serán as nosas representantes no Campionato de España que se celebrará esta fin de semana na localidade de Meira (Moaña).